A renda básica é un ingreso pago polo estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou residente da sociedade mesmo se non quere traballar de forma remunerada, sen tomar en consideración se é rico ou pobre ou, dito doutra forma, independentemente de cales poidan ser as outras posibles fontes de renda, e sen importar con quen conviva.
En menos palabras: unha renda básica é unha asignación monetaria pública incondicional a toda a poboación.A Renda Básica que defendemos ten as seguintes características:
I) Suficiente: Por riba do limiar da pobreza, para acabar con ela. Non se trata dunha esmola nin dunha prestación insuficiente como as que estamos afeitas/os a ver coa Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), a cantidade ten que ser abonda para permitir vivir con dignidade. A proposta de Red Renta Básica sitúaa por riba do limiar da pobreza (definido como o valor que corresponde ao 60 % da mediana de la renda nacional equivalente en unidades de consumo) no entorno de 710 euros no ano 2017.
II) Universal: Para todas as persoas residentes no territorio de implantación.
III) Individual: A RB enténdese como dereito humano de carácter individual. Non para a unidade de convivencia (como a familia) nin para a comunidade da que formas parte (tribo, barrio…). É importante para evitar discriminacións por razóns de sexo, idade (mozas/os ou maiores que residen cos/coas pais /nais-fillos/as), minorías, etc.
IV) Incondicional: Para recibila non hai que demostrar nada. A RB parte da desaparición de subsidios condicionados, nomeadamente as Rendas de Integración, o paro de longa duración, as pensións non contributivas, etc. Hai que aclarar que substitúe á prestación sempre que esta sexa inferior; en caso de ser superior, cobraríase a prestación e non a RB. Por tanto, vaise cobrar sen ningún tipo de condición. Traballes ou non, sexas millonaria/o ou non, nova/o ou vella/o… (tan só se limita en menores de idade que, na maioría dos modelos de financiamento, cobrarían unha porcentaxe do total).
Unha renda básica pode financiarse de distintas formas. En realidade houbo distintas propostas ao longo da última década. Por esta razón, tan importante é a cantidade de renda básica que se propón como a forma de financiala. Porque non todas son iguais. E moitos dos supostos efectos que tería unha renda básica soamente teñen sentido se se inclúe a forma de financiala.
Os proxectos de financiamento máis importantes que se realizaron para Cataluña e outras zonas do Reino de España, como Guipúscoa, baseáronse nunha reforma do IRPF, a racionalización das asignacións públicas monetarias e, aínda que en menor grao, do combate á fraude fiscal.
Financiar unha renda básica debe supoñer unha redistribución da renda favorable á poboación con menos recursos.
Nestes artigos tes máis información sobre como se pode financiar a Renda Básica.
– https://www.redrentabasica.org/rb/es-posible-financiar-una-renta-basica/
– https://www.sinpermiso.info/textos/nuevos-modelos-para-financiar-una-renta-basica-incondicional-y-universal
Tes máis preguntas?
Escríbenos ao formulario de contacto